Baixan os casos e os contaxios diarios de coronavirus en Galicia
A ocupación hospitalaria estabilízase con 26 pacientes ingresados, sete nas UCI

Os indicadores da pandemia de covid en Galicia seguen a deixar datos para a esperanza. Continúa o seu descenso. aínda que algo máis lento desde hai días, pero nótase na caída de infeccións activas (-3) e de contaxios diarios, 26 ata as 18 horas do venres polos 28 do reconto previo. Os casos activos son 413 en Galicia.
A ocupación hospitalaria estabilízase e segue en 26 o número de persoas ingresadas. O Sergas informa que son sete os pacientes por covid que precisan atencións nas UCI, un menos que a xornada anterior, e outros 19 en cama convencional en habitación illada, un mais.
Desde o comezo da pandemia contaxiáronse 182.899 persoas, das que xa se curaron do virus 179.871 e faleceron 2.649.
Galicia deixou de estar en situación de emerxencia sanitaria tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (D.O.G.) do decreto que levanta esta condición na que estabamos desde marzo de 2020.
Situación por áreas sanitarias
As distintas demarcacións presentan nesta xornada datos semellantes os do día previo. A de Lugo e a de Pontevedra están libres de enfermos por covid en planta, non así nas unidades de críticos. E nos hospitais de Ferrol, Ourense, Santiago e Vigo non hai enfermos nas UCI.