Publicador de contidos
Publicador de contidos

Avisos amarelos ata o sábado por forte vento e choiva na Coruña, Pontevedra e Lugo

Avisos amarelos ata o sábado por forte vento e choiva na Coruña, Pontevedra e Lugo

A fronte comezará a abandonar progresivamente Galicia ao longo da fin de semana

directo Cámara web da CRTVG situada na terraza do hotel O Semáforo, a carón do faro de Fisterra
G24.gal 02/05/2024 20:28

Os avisos amarelos que afectan este venres, 3 de maio, a diferentes zonas das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo por choivas abundantes e ventos de ata 80 quilómetros por hora estenderanse ata a primeira metade da xornada do sábado, cando a situación atmosférica comezará a mellorar.

Segundo informa Meteogalicia, unha fronte moi activa deixará ventos fortes do suroeste no mar e choivas persistentes no oeste. A peor predición da semana espérase para este venres, cunha situación meteorolóxica adversa e temporal en terra e mar.

En concreto, espéranse acumulacións de máis de 40 litros en 12 horas a partir do mediodía tanto na provincia de Pontevedra como no oeste da provincia da Coruña. Ademais, rexistraranse ventos superiores aos 80 quilómetros por hora en zonas da Mariña lucense e no oeste da Coruña.

No litoral das tres provincias costeiras haberá ventos entre forzas 7 e 8. Todo iso tras unha xornada de xoves no que a cota de neve sitúase nos 1.000 metros de altura e a temperatura mínima de Galicia rexístrase na Veiga (Ourense), con 3,5 graos baixo cero.

Melloría na fin de semana

Aínda que a fronte comezará a abandonar progresivamente Galicia ao longo da fin de semana, espéranse precipitacións aínda abundantes durante a mañá do sábado en áreas da provincia de Pontevedra.

A situación cambiará pola tarde en toda a comunidade con ceo con alternancia de nubes e claros e algún chuvasco ocasional. A xornada do domingo persistirá certa inestabilidade atmosférica cun día de ceo con intervalos nubrados e algún chuvasco, máis frecuentes á primeira hora e moito máis ocasionais durante o resto do día.

As temperaturas, que comezarán a subir durante a xornada do sábado, continuarán rexistrando valores baixos para a época do ano, cun descenso das mínimas a noite do sábado ao domingo. A cota de neve, situada na xornada do venres ao redor dos 1.200 metros de altura, ascenderá a fin de semana polo que non se esperan precipitacións en forma de neve salvo nos picos máis altos da comunidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos