Equigal congrega en Lugo uns 80 xinetes e amazonas e preto de 200 cabalos
A principal cita galega do mundo ecuestre comezou cun concurso de salto de obstáculos que puntúa para a clasificación no ámbito estatal
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolle dende este venres a décimo oitava edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia. A que é a principal cita galega do mundo ecuestre comezou cun concurso de salto de obstáculos que puntúa para a clasificación no ámbito estatal.
"Participaremos os tres días na altura dun metro. Se todo vai ben, igual probamos a subir ao metro dez", sinala o xinete Adrián García Prieto.
"Trouxen a miña egua por primeira vez. Vou ao metro dez e saio a primeira", apunta, pola súa parte, a amazona Laura Carballo Novo.
"Todas as probas nacionais puntúan para o 'ranking' dos xinetes. Os que van facendo bos resultados van puntuando, e ao final hai unha clasificación nacional de xinetes en diversas categorías", explica Federico Pérez-Lago, presidente da Federación Hípica de Galicia.
A partir do luns, Equigal continuará cos bautismos ecuestres. Neles van participar medio milleiro de escolares de toda a provincia de Lugo.
"A verdade é que foi unha bomba para o mundo do cabalo en Lugo. En 2007, cando o iniciamos, acababa de pechar o último punto onde facer hípica en Lugo, e hoxe en día contamos con cinco", conta Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Tamén coa entrada de balde, a fin de semana vindeira celebraranse senllos concursos morfolóxicos de raza árabe e de raza galega.