Austria obriga a vacinarse contra a covid aos maiores de 18 anos desde este sábado
Primeiro país da UE que impón a vacinación obrigatoria
Os infractores recibirán unha multa de ata 3.600 euros a partir de mediados de marzo
Austria convertese desde este sábado no primeiro país da Unión Europea en impoñer a vacinación obrigatoria contra a covid para os maiores de 18 anos.
A medida entra en vigor tras a tramitación parlamentaria co apoio de catro das cinco formacións con representación: os conservadores e ecoloxistas do Goberno de coalición e a oposición socialdemócrata e liberal. Só a ultradereita FPÖ, que busca liderar o movemento antivacinas,opúxose ao cualificar a norma dun ataque ás liberdades fundamentais.
Da obrigatoriedade quedan exentas as embarazadas, os menores de 18 anos, as persoas para as que a vacina supoña un risco e os que se recuperaron da enfermidade nos últimos 18 días.
As sancións previstas supoñen multas de ata 3.600 euros de incumprir unha medida que pretende elevar o baixo nivel de inmunización, pero que xerou un forte debate e unha fractura social no país. Haberá unha fase transitoria sen sancións que serán efectivas desde o 16 de marzo.
Aínda que a lei foi aprobada por unha maioría superior ao 75 % nas dúas cámaras do Parlamento, afonda na polarización social sobre a xestión da pandemia.
Un 25 % dos austríacos seguen sen vacinarse contra a covid-19 e só o 68 % teñen na actualidade a pauta completa en vigor.
As sondaxes recentes e coa ultradereita liderando o movemento antivacinas, apuntan a que case un 40 % da poboación as rexeita.