Aumentan as picaduras de faneca brava en areais como o de Miño
"O domingo tivemos 27 casos, e a media diaria este verán está en 20"
Aconsellan usar fanequeiras e aplicar auga moi quente en caso de picada
Non as vemos, pero aí agochadiñas baixo a area están as fanecas bravas. Pisalas ten castigo, unha dolorosísima picada máis coñecida polos galegos que polos turistas.
"É unha dor insoportable, que sobe por toda a perna desde a planta do pé".
"Cando está marea baixa agóchanse baixo a area, e se pasas, crávanche o espolón e doing!".
"Faneca? Iso que é?".
"Non me toca a lotaría, vaime picar unha faneca", din algúns bañistas.
Pois non é algo tan improbable. Despois duns anos tranquilos, este verán están a multiplicarse as picaduras nalgúns areais como o de Miño.
"O domingo tivemos 27 picaduras, o luns 15 ou 20, por aí anda a media diaria", comenta Sergio Eiroa Durán, socorrista de Miño.
"O venres picoume unha e fíxome sangrar e todo, foi horroroso", engade unha muller.
Non teñen claro o motivo de que piquen máis, pero si saben que a marea baixa é o peor momento. E en caso de picadura aconsellan calor e paciencia, porque, normalmente, doe moito pero pasa pronto.
"Se a area está quente recomendamos que veñan camiñando e pisando forte porque xa lles alivia. Aquí no posto o que facemos é meter os pes nunha tina con auga moi quente, canto máis mellor, durante uns quince minutos e despois xa están para outra", engade o socorrista.
E os que non queiran vivir a experiencia o que poden facer é calzar os pés con fanequeiras ou escarpíns. O mellor escudo para camiñar tranquilos pola beira do mar.