Aumenta o renting de vehículos entre particulares
No que levamos de ano, as matriculacións deste tipo de vehículos aumentaron un 12 %
José-Martín Castro Acebes, presidente da Asociación Española de Renting de Vehículos (AER), explica que un de cada tres vehículos en España estase a matricular por renting, e unha de cada dúas furgonetas, tamén.
Únense así as familias a unha tendencia en que as empresas seguen a ser maioría.
José Mera, Xefe de Vendas de Citroën en Vigo, apunta que esta modalidade estaba moi implantada en empresas polos beneficios fiscais.
Entre os beneficios, a facilidade de ter todos os servizos nun único contrato, pero tamén a incerteza sobre o futuro da tecnoloxía na automoción impulsa o renting temporal. Mera sinala que a xente dubida se coller gasolina, eléctrico, híbrido... "Ante iso, a xente non se quere atar tanto tempo". Castro engade que tamén inflúen os cambios sociais: "A mocidade prioriza o pago por uso en lugar de ir a modelos tradicionais como a compra".
Con todo, en Galicia segue a prevalecer a compra entre particulares. Os expertos aconsellan estudar ben o uso que se lle vai dar ao vehículo e os quilómetros que se van percorrer antes de tomar unha decisión.