Sobe a atención por covid nas urxencias pero os casos son menos graves
Este servizo atende entre un 33 e un 50 % máis de pacientes que hai un ano
Melloran os datos epidemiolóxicos pero os servizos de urxencia seguen tensionados. Cada día atenden entre un 33 e un 50 % máis de pacientes que hai un ano.
Segundo explica o presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) en Galicia, José Manuel Fandiño, aumentou o número de doentes pero os casos son menos graves.
Asegura que nesta sexta vaga acode moita xente con medo, sobre todo nos momentos de máxima transmisión da covid e con escaso acceso ás probas diagnósticas.
Do mesmo xeito, chegan persoas que non conseguiron ser atendidas no seu centro de saúde e casos graves, con pneumonía bilateral, cun perfil concreto.
"Xente sen a dose de reforzo, pola causa que sexa, xente negacionista e xente con algún tipo de inmunidade alterada", explica.
José Manuel Fandiño calcula que a situación nos servizos de urxencias comezará a mellorar en dúas semanas.
A SEMES advirte que son necesarios máis recursos e máis profesionais e insiste nunha vella demanda: a creación dunha especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, que permita unha formación homoxénea e facilite a remuda de profesionais.