Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atraer industria tamén é gobernar, por María Bastida

OPINIÓN

Atraer industria tamén é gobernar, por María Bastida

María Bastida 02/06/2026 07:45

Durante anos falamos de reindustrialización coma se bastase con desexala. Non funciona así. A industria atráese, negóciase, acompáñase e peléxase.

Co proxecto de SAIC en Ferrol e As Pontes falamos dun investimento inicial duns 200 millóns de euros, dunha planta con capacidade para fabricar 120.000 vehículos ao ano e dunha estimación de 2.300 empregos entre Ferrolterra e As Pontes. Pero a clave económica vai máis aló das cifras: está no método. A Xunta declara o proxecto como industrial estratéxico, activa a Oficina Económica de Galicia, asigna un equipo específico e asume a coordinación de trámites con concellos, autoridade portuaria e Goberno central. É dicir, intenta que a burocracia non mate a oportunidade.

E esa é unha actuación crítica. As empresas non deciden só por custos laborais ou chan dispoñible. Deciden por tempos, seguridade xurídica, loxística, acompañamento institucional, cadea de provedores e confianza. Un investimento desta escala non compite contra outro polígono, senón contra outros territorios europeos que tamén queren industria, emprego e tecnoloxía.

Ferrolterra e As Pontes levan demasiado tempo escoitando falar de transición, reconversión e oportunidades futuras. Se SAIC se consolida, estariamos ante a posibilidade de articular un polo industrial e loxístico ao redor da automoción, o porto exterior, os provedores locais e a actividade auxiliar. E aquí está a verdadeira clave, que non sexa soa ensamblaxe, senón fabricación local, compoñentes, I+D, baterías de nova xeración e loxística intelixente. A diferenza entre ter unha planta e ter industria está precisamente en canto valor queda no territorio.

O proxecto aínda depende de autorizacións, concesións portuarias, investimento estranxeiro directo e apoio público. Pero precisamente por iso a actuación institucional é relevante. Gobernar tamén é reducir incerteza, ordenar trámites, aliñar administracións e converter unha oportunidade empresarial nun proxecto de país.

Galicia debe competir con seriedade, loxística, talento industrial, axilidade administrativa e capacidade de acompañar investimentos complexos. Se SAIC acaba fabricando en Ferrol, o mérito non estará só en que unha multinacional chinesa puxese aquí os seus ollos. Estará nunha Administración que soubo entender que a política industrial moderna non consiste en facer discursos sobre a industria, senón en crear as condicións para que volva.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade