Un matrimonio de Barbadás sospeita que lles caeu un meteorito no patio da casa
Piden axuda para identificar a pedra, do tamaño dun ovo de galiña
Antonio, de segundo apelido Rocha, leva todo o día a voltas coa pedra que apareceu inesperadamente no seu patio. Co impacto, rompeulle un anaco.
"Mirei para o chan e vin algo estraño. Pareceume unha pedriña pero, ao lle botar a man, vin que non era normal (...). Se lle dá a alguén na cabeza, coidado!", comenta.
Ten o tamaño dun ovo de galiña e unha textura irregular, co interior alaranxado e arxiloso e unha capa externa máis sólida e rugosa.
"Ten coma se estivera ardida polos laterais. Paréceme estraño. Aos meus 66 anos nunca vira nada igual. Pensei que podía ser un meteorito, pero non estou seguro", di Antonio.
O que pretenden Antonio e a súa muller é que alguén lles axude a resolver o misterio, por iso pensaron en darlle difusión ao seu achado.
Mentres tanto, para que non se siga deteriorando, consérvana nun cacharro de cristal.