Atopan o corpo dun home nunha planta de tratamento de residuos de papel na Coruña
Os investigadores traballan para determinar a identidade do falecido e as causas da súa morte

O corpo dun home foi atopado este mércores á mañá na Coruña dentro dun contedor de papel. A alerta, segundo explica o servizo de emerxencias 112 Galicia, dérona desde a planta de xestión de residuos San Pedro de Visma.
Activáronse decontado os servizos de emerxencias e solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Policía Local e Nacional, que confirmaron a localización do corpo no sitio indicado.
Os feitos estanse a investigar para determinar a identidade do falecido e as causas da súa morte. As primeiras hipóteses apuntan a que se trata dun home de 57 anos, con antecedentes policiais, pero ese extremo non se puido confirmar debido ao estado no que se encontraba o cadáver, aparentemente causado pola máquina prensadora do camión que o trasladou ata estas instalacións.
Esta non é a primeira vez que os traballadores deste centro de tratamento de residuos atopan un cadáver entre o material trasladado ata a planta. En decembro pasado, dentro dun contedor de papel e cartón, localizaron outro falecido, que posteriormente se determinou que morrera por causas accidentais.