Publicador de contidos
Publicador de contidos

Advirten do risco de chamar a números con tarificación especial sen sabelo

Advirten do risco de chamar a números con tarificación especial sen sabelo

O Instituto Galego do Consumo alerta das posibles prácticas fraudulentas de empresas de directorio telefónico

O usuario busca un número de atención ao cliente en Internet e a chamada cúrsase a través destes números de tarificación especial, que poden cobrar ata 2,5 € por minuto

G24.gal 15/11/2022 14:49

O engano comeza no buscador de Internet: buscamos un número para contactar, por exemplo, coa nosa compañía de seguros. E entre os resultados, hai páxinas coa mesma aparencia que a que buscamos, pero que realmente son doutras empresas suplantadoras.

Non advertimos a fraude porque "hai moitos indicios de que é efectivamente a empresa que buscabamos", di Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego do Consumo.

"Chamamos ao número que nos facilitan, pero nesa central o que lle trasladan é que ten que chamar a un teléfono que empeza por 118xx", explica Vázquez. "Estes teléfonos o que fan é cobrar por riba do prezo que tes estipulado coa túa compañía, así que vas ter chamadas cun certo custo", engade.

O caso é que chamamos a través desas empresas de directorio telefónico, que cobran o servizo a unha tarifa especial, de ata dous euros e medio o minuto. En teoría teñen que avisarnos cunha gravación previa para informar dese custo, así que a primeira recomendación é colgar o teléfono nese momento, para que non poidan cobrarnos.

E para non ter que chegar aí, dende Consumo fan outra recomendación: "Chamar á nosa compañía e indicar que nos bloqueen eses números de tarificación especial, tanto eses 118 como os 902".

Xa tramitaron 50 reclamacións este ano contra estes números de tarificación especial. As sancións medias para as empresas son de 10.500 euros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade