Asturias activa o Plan de emerxencia de protección civil ante o aumento dos contaxios
A medida chega ante o risco de colapso nos servizos esenciais
España bate récord de contaxios por décimo día consecutivo: máis de 160.000 positivos nun día. A incidencia tamén segue disparada e algunhas comunidades presentan cifras preocupantes. Asturias entra en situación de emerxencia ante o risco de colapso pola covid.
O Principado de Asturias activou hoxe o Plan de emerxencia de protección civil, ante o aumento da incidencia da covid e polo risco de colapso nos servizos esenciais. Hoxe notificáronse máis de 2.200 positivos novos, e a metade dos casos xa son da variante ómicron.
En canto aos hospitais, hai máis de 260 pacientes ingresados e a ocupación nas UCI sitúase no 15 %. Uns niveis de risco alto. Hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias apoiou o peche do ocio nocturno e a redución de horarios da hostalería para frear a escalada de casos.