Publicador de contidos

Publicador de contidos

Asaltan unha oficina de prevención de riscos na Coruña

Asaltan unha oficina de prevención de riscos na Coruña

O responsable, sorprendido, porque na oficina traballan con datos, non con cartos

Os estragos rozan os 5.000 euros, malia que os ladróns non levaron material de valor que había no local

G24.gal 11/02/2025 14:16

Son expertos en previr riscos laborais, pero con isto non contaban.

"Aquí o que hai son papeis. A min paréceme todo moi estraño. Paréceme estraño que entren nun local deste tipo porque non ten moito sentido", comenta Jesús Carreira, delegado na Coruña do Grupo R de Saúde Laboral.

Non ten sentido, porque se trata dunha oficina onde o que se manexa é información e datos pero non cartos, que segundo parece era o que buscaban. Demasiado esforzo e demasiado estrago para moi pouco botín.

"Entraron, forzaron a reixa, romperon o cristal e entraron na oficina. Chegas, atópaste con isto todo revolto, os mobles rotos, os papeis tirados polo chan, sénteste un pouco violado. Eu penso que foron dúas ou tres persoas, buscando cartos", engade Carreira. 

Cartos que non había, e o que había non lles encheu o ollo: nin os equipos informáticos, nin as bombas para medir a hixiene do ambiente, nin tan sequera a moto que loce na entrada. Nada. Só levaron un portátil e un disco duro do que se desfixeron en poucos metros.

"Apareceu un veciño que estaba paseando o can por aquí detrás e atopou a caixa do disco duro. Vese que esta xente o pensou mellor, viron que non lles servía para nada e tirárono, pero para nós é importante porque é unha ferramenta de traballo", sinala o responsable da oficina. 

Outra cousa son os danos, que roldan os 5.000 euros, e tamén as dores de cabeza.

"Para nós é un encordio ter que refacer o traballo, ver o que falta, o que non falta, se temos, se non temos, o que se perdeu, o que non", explica Jesús Carreira.

A maiores, denuncia na policía sabendo que de pouco vale, cristaleiro, cerralleiro e polo menos o que queda desta semana, traballo telemático. Confían en recuperar a atención presencial a vindeira semana.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade