As zonas tensionadas e os pisos turísticos, a debate no V Congreso Inmobiliario de Galicia
As zonas tensionadas e os pisos turísticos, a debate no V Congreso Inmobiliario de Galicia
Os diferentes actores implicados coinciden no diagnóstico. En Galicia, como no resto de España, hai un problema de oferta de vivenda incapaz de dar resposta á demanda, sobre todo de alugueiro.
As discrepancias xorden nas posibles solucións. Falta consenso sobre os efectos da declaración de zona tensionada, que recolle a lei estatal co fin de limitar prezos.
"Somos conscientes de que realmente as zonas están tensionadas. En Galicia hai un problema en todas as grandes cidades galegas, pero o que nos gustaría é que puidera ter máis apoios e máis garantías o propietario", asegura Emma Martínez, presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin).
Para a Unión de Consumidores de Galicia a zona tensionada non será efectiva por si soa se non vai acompañada doutras medidas. O seu secretario xeral Miguel López reclama que "realmente se poña a disposición da promoción, sexa pública ou privada, chan especificamente dedicado ao alugueiro e que unha boa parte del vaia destinado ás familias con menos recursos e falamos polo tanto de alugueiro social".
Sobre a mesa tamén os modelos de cidade e como as vivendas de uso turístico están a condicionar o seu futuro.
Un debate que no Congreso Inmobiliario de Galicia contou coas voces de profesionais, administracións, propietarios e usuarios.
"Temos que tentar poñernos de acordo todos para buscar a solución definitiva para un problema que é xeral, que afecta de xeito transversal a calquera parte do tecido social e que é un dereito fundamental", conclúe Carlos Dabasa, expresidente de Agalin e membro do comité organizador do congreso.
As vivendas sostibles e as novas tendencias en construción centrarán a xornada deste venres.