O Bono Concilia Familia poderá pedirse desde o luns para campamentos ou coidadores a domicilio
A convocatoria estará aberta ata o 7 de outubro e conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros
A axuda cobre ata o 100 % do servizo en familias numerosas, monoparentais ou vítimas de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a convocatoria do Bono Concilia Familia, que se poderá solicitar a partir do próximo luns.
O programa está deseñado para que nais e pais que traballan poidan atender necesidades puntuais de conciliación, como enfermidades, cuestións laborais ou períodos de vacacións escolares.
En 2024 beneficiou máis de 15.000 familias galegas. Nesta nova edición, a Xunta destina máis de 2,5 millóns de euros, cun prazo de solicitude aberto ata o 7 de outubro.
Axudas directas ás familias
O Bono Concilia Familia ofrece unha achega económica directa a fogares con fillos de ata 13 anos (nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021) nos que os dous proxenitores traballan.
O obxectivo é contribuír a sufragar os custos de coidadores, ludotecas, campamentos ou outros servizos de conciliación.
As axudas poden chegar ata 500 euros para contratar unha persoa a domicilio ou ata 200 euros por neno para cubrir gastos en recursos e servizos específicos como campamentos ou espazos de ocio.
O bono cobre un máximo do 75 % do servizo pagado pola familia.
Máis cobertura en colectivos prioritarios
Como novidade, nesta edición a cobertura amplíase ao 100 % do servizo no caso de familias numerosas, monoparentais, acolledoras, con garda con fins adoptivos, nas que algún fillo teña unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou se trate de vítimas de violencia de xénero.