Publicador de contidos

Publicador de contidos

As tropas ucraínas aséstanlle un golpe importante ao exército ruso

As tropas ucraínas aséstanlle un golpe importante ao exército ruso

Obrigan a tropas do Kremlin a retirarse da cidade estratéxica de Limán

É a segunda derrota salientable de Moscova en menos dun mes

Rusia apraza a chamada a filas pola saturación dos centros de recrutamento 

G24.gal 01/10/2022 20:27 Última actualización 02/10/2022 09:19

As tropas ucraínas entraron este sábado na cidade de Limán, na rexión de Donetsk, ocupada polos rusos desde maio. Rusia admite que retirou as súas tropas a posicións máis vantaxosas para evitar que os cercasen totalmente.

É a segunda derrota importante que sofren nun mes, tras teren que saír da rexión de Khárkiv o 8 de setembro.

Limán é un nó ferroviario que conduce aos bastións ucraínos en Donetsk e á zona prorrusa de Luhansk. De feito, Kíiv anunciou que desde alí emprenderán o proceso de desocupación de Luhansk.

Zelenski eloxiou a contraofensiva do seu exército, que non se detén a pesar de que Rusia dea por súas as rexións que ocupa total ou parcialmente no leste e no sur do país.

Entrada na OTAN

A comunidade internacional rexeitou as anexións ilegais e, tras o anuncio de Moscova, Ucraína urxiu a súa entrada na OTAN, unha das liñas vermellas do Kremlin.

Na Alianza contestáronlle que agora están centrados en ofrecerlle axuda para defenderse e que entrar na Alianza Atlántica é unha decisión que require consenso.

Analistas internacionais consideran que a guerra pasa por un dos seus momentos máis delicados e non ven un final rápido.

Vítimas civís

Mentres, a cifra de vítimas civís non deixa de medrar. Ao ataque deste venres a un convoi en Zaporijia, que causou máis de 30 falecementos, sumouse outro similar na rexión de Khárkiv, con máis dunha vintena de vítimas mortais. En ámbolos casos hai nenos, mulleres e anciáns entre as vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade