Os forenses explican as secuelas causadas polo sinistro do Alvia que se manteñen no tempo
Os médicos forenses ratifican os informes sobre as vítimas do accidente de Angrois
As vítimas reclaman máis de 57 millóns de euros en materia de responsabilidade civil
A xornada este martes no xuízo polo accidente do Alvia estivo dedicada a escoitar os médicos e médicas forenses que no seu día avaliaron os danos sufridos polas vítimas do sinistro, os físicos e os psicolóxicos.
Cada un dos forenses que declararon ratificaron os seus informes e sinalaron nalgúns casos que moitas das secuelas que os pasaxeiros do tren sufriron mantéñense durante o tempo e que non desapareceron tras dez anos.
"Considera vostede con tal cantidade de falecementos e persoas lesionadas, que se sufriu polas persoas que ocupaban ese tren, cadros importante de desacougo, de ansiedade, de angustia?", preguntaba un dos avogados das vítimas. "Por suposto, entra dentro dos feitos sucedidos e dende logo é unha sintomatoloxía perfectamente compatible cunha vivencia destas características", respondía a médica forense.
Boa parte das preguntas xiraron arredor do grave impacto emocional que o sinistro de Angrois provocou nas persoas que o viviron, e de como a síndrome de estrés postraumático pode derivar nunha depresión.
Así, outro dos avogados preguntaba sobre a posibilidade de que o como consecuencia do accidente unha das secuelas puidese ser un trastorno depresivo postraumático, e un dos peritos explicaba que "cabería a posibilidade, entendo que as secuelas foron dunha entidade suficiente como para que o puideran sufrir, efectivamente".
As vítimas buscan que se clarifiquen as secuelas que lles causou o accidente. Por unha banda, as lesións físicas que condicionan a súa vida. Pola outra, as pegadas psicolóxicas dunha catástrofe como a que tivo lugar na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013.
A gravidade destes prexuízos será a que fixe a contía das indemnizacións, a reclamación por danos e perdas en materia de responsabilidade civil ascende a máis de 57 millóns de euros.