As profesionais galegas celebran o 8M mentres seguen loitando contra a desigualdade
Hai xa tres décadas que en Galicia hai voluntarias de protección civil, pero o que aínda é minoritario é que as mulleres exerzan o mando; o caso de Mónica Chaves, a xefa de protección Civil de Moaña
Porque hoxe, que é un día de celebración, segue a ser tamén un día de reivindicar as desigualdades no acceso aos postos directivos e a quebra das diferenzas salariais entre homes e mulleres
Cada 8M importan as celebracións pero tamén as reivindicacións. Achegámonos a tres mulleres galegas nos seus postos de traballo que coa súa determinación e profesionalidade van rompendo desigualdades como a brecha salarial ou o acceso a xefaturas.
Inés Aldrey e Xuliana Fernández son cirurxiás no CHOU e este 8M están de garda. Hai algo máis de dúas décadas o 80 % dos seus homólogos eran homes. Hoxe elas, as adxuntas, as residentes, son maioría. Ademais en España xa imos pola segunda presidenta, muller, da Asociación Española de Cirurxía. Ambas as dúas coinciden, os seus compañeiros médicos trátanas como iguais e son os doentes os que ás veces se resisten.
"Algún doente dinos: 'E cando vai vir o médico?'. É moi típico. Agardando que veña outro profesional a falar con eles. E ás veces cando imos con compañeiros masculinos a tendencia do doente é referirse a eles en lugar de a nós, aínda que nós sexamos as responsables do caso. Pero pouco a pouco penso que esto vai ir mellorando", conta abertamente Inés Aldrey, cirurxiá no CHOU.
"Custa un pouquiño que algún doente entenda que a responsabilidade é nosa e non do compañeiro, que ás veces pode ser incluso o residente, Pero como é un home ás veces diríxense a el como responsable do caso. Pero pouco a pouco iso xa vai cambiando e na xente nova nos non notamos que exista ningunha discriminación", engade Xuliana Fernández, cirurxiá no CHOU.
Mónica Chaves é a xefa de Protección Civil de Moaña, como voluntaria porque ela é artesá, fai bonecos que imitan a bebés. Como lle sucedía ás doutoras ela atopa máis resistencia á súa autoridade nos eventos na xente da rúa que nos seu compañeiros que asumen que ela ten o mando.
"Hai moitas cousas que arreglar aínda, pero moitas. Pero o máis importante é que no día de hoxe máis que celebración ten que ser agradecemento a todas esas señoras que quedaron alá atrás, as nosas avoas, bisavoas, que foron as que foron loitando por darnos hoxe un sitio e unha voz", explica Mónica Chaves, a xefa da agrupación de Protección Civil de Moaña.
A mesma voz feminina e con poder que hoxe teñen todas estas remeiras novas a bordo das súas traíñas mandadas por patroas.