Publicador de contidos

Publicador de contidos

As principais novidades da lei do aborto

As principais novidades da lei do aborto

O anteproxecto de lei recolle temática relativa ao aborto, saúde menstrual, métodos anticonceptivos, educación sexual e xestación subrogada

O Goberno aproba a reforma que consolida o aborto e amplía dereitos das mulleres

G24.gal 17/05/2022 19:27

O Goberno aprobou este martes o anteproxecto da lei do aborto que reforma a lexislación para garantir este dereito na sanidade pública.

Tamén busca blindar outros dereitos, como os sexuais e reprodutivos da muller, e inclúe incapacidades temporais por menstruacións dolorosas pagadas desde o primeiro día pola Seguridade Social. Esta última foi unha das medidas que máis debate xerou nos últimos días. 

A lei acaba co consentimento paterno para que as rapazas poidan interromper o embarazo de maneira voluntaria desde os 16 anos. Este requisito incorporárao no 2015 o PP na modificación da norma vixente de 2010.

A ministra de Igualdade Irene Montero mostrouse convencida na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros de que a gran maioría da xuventude e mulleres con discapacidade confiarán en familiares e amigas cando dean este paso. Pero insiste en que a decisión sexa súa.

En total, as medidas incluídas terán un custo aproximado de 104 millóns de euros.

Dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo

A ministra asegurou que esta lei garante o dereito da muller "a decidir sobre o seu propio corpo" e que é "a porta de entrada" a outros dereitos, como o dereito ao traballo ou á participación política. Tamén afirmou que permite que poidan vivir mellor e desenvolver os seus propios proxectos de vida.

A norma, que será tramitada de urxencia, ampliará a actual e acaba cos "obstáculos" a que se enfrontaban as mulleres que querían interromper o seu embarazo.

Aborto na sanidade pública

A sanidade pública será a "rede de referencia" para abortar e créase un rexistro de obxectores de conciencia, como na lei da eutanasia. Quen se declare obxector non poderá practicar abortos tampouco na sanidade privada.

A lei fai fincapé en que os centros onde poidan abortar as mulleres estean o máis preto posible do seu domicilio en función do método que escollan (cirúrxico ou farmacolóxico). Elimínanse ademais os tres días de reflexión: "As mulleres poden reflexionar o tempo que necesiten e o Estado non dubida da decisión das mulleres cando estea tomada", dixo a ministra.

A lei prevé a atención durante o proceso de posparto e tamén que haxa acompañamento integral e especializado nos procesos de interrupción do embarazo.

Incapacidade temporal por menstruacións dolorosas

"Acabouse o de empastillarse antes de ir ao traballo e ocultar que temos unha dor que nos incapacita", dixo Montero. De feito, o texto aprobado inclúe un apartado para os dereitos relativos á saúde menstrual en todas as etapas da vida.

A lei inclúe o dereito á incapacidade temporal desde a semana 39 de embarazo, cun custo de 57 millóns de euros, e tamén por aborto, cun custo de 7.5 millóns de euros, segundo detallaron fontes de Igualdade.

En institutos, prisións, centros da muller, centros cívicos, centros sociais, organismos públicos, etc. repartiranse gratuitamente produtos como tampóns, compresas ou copas menstruais, co obxectivo de acabar coa pobreza menstrual.

Pílula do día despois e anticonceptivos

O anteproxecto, traballado conxuntamente co Ministerio de Sanidade, amplía o acceso gratuíto da pílula do día despois dos hospitais e centros de saúde aos centros de nova creación de saúde sexual e reprodutiva. Ademais, crearase unha liña telefónica para informar de todos os dereitos incluídos na norma.

A anticoncepción ocupa un capítulo especial do anteproxecto, que establece que as pílulas anticonceptivas de última xeración volverán estar cubertas pola Seguridade Social. Esta decisión tómase despois de que a sanidade pública deixara de financiar varias delas no 2013 tras anos incluídas no catálogo.

Educación sexual en todas as etapas

A educación sexual estará presente de forma obrigatoria en todas as etapas desde a primeira infancia para que os menores coñezan mellor os seus corpos, as relacións estean baseadas nos bos tratos e no consentimento, pero tamén en previr enfermidades de transmisión sexual, tal e como dixo a ministra.

Xestación subrogada

A lei considera a xestación subrogada unha forma de violencia contra as mulleres, de forma que se perseguirá as axencias que promoven esta práctica, que é ilegal en España. Tamén prohibe a súa publicidade, aínda que non castigará a quen acuda a estas empresas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade