As orixes porriñesas dos antergos do pontífice León XIV
No arquivo da catedral de Tui os investigadores atoparon os libros bautismais da súa familia materna
A emigración levou a súa familia a Cuba primeiro e a Nova Orleáns despois
En Galicia se hai un lugar onde a visita papal activou a curiosidade pola orixe de León XIV é o Porriño. Unha investigación do responsable do arquivo da Catedral de Tui conseguiu documentar a orixe galega dos seus antergos neste concello aló polo século dezasete.
Da parroquia de San Salvador de Torneiros, no Porriño, proceden os antepasados do papa León XIV por parte de súa nai. O traballo de investigación permitiu dar cos asentamentos bautismais.
"Atopamos rexistrado o bautismo de Benito Bastos Lorenzo que vén sendo un ancestro da nai do papa", conta Avelino Bouzón, arquiveiro de Tui
No arquivo da catedral de Tui gárdanse verdadeiros tesouros, como antigos libros bautismais, que desta vez permitiron reconstruír a historia da familia de Robert Francis Prevost.
"Collín o primeiro libro de Torneiros que comeza en 1609 e empezamos a buscar e aí apareceu un tal Benito, fillo de Benito de Bastos e María Lorenzo. Xa tiñamos o principio", explica Luís Arias, colaborador do arquivo.
Unha liña que tamén seguiu a plataforma francesa especializada en xenealoxía Geneanet. O papa non é galego porque o antepasado, o quinto trastataravó, emigrou a Cuba. Alí casou na Habana.
"A familia instálase na Habana. Quedan durante tres xeracións e é o bisneto, Manuel de Ramos o que finalmente vai para Nova Orleáns", relata Sindya García, de Geneanet
Agora desde o arquivo da catedral de Tui buscan os parentes do papa que poidan seguir vivos e xa chegaron aos nados no 1900. Poucos pasos quedan para dar cos familiares que residen no Porriño.