As negociacións para formar novos gobernos autonómicos coincidirán coa precampaña electoral
Partido Popular e PSOE afinan as estratexias para pechar acordos de goberno
O Partido Popular está en condicións de gobernar once das dezasete comunidades autónomas despois do 28 de maio. Pero cada territorio ten os seus condicionantes. En Murcia ou as Baleares suma máis que o resto de forzas da esquerda e só precisaría dunha abstención de Vox.
O mesmo acontece en Cantabria, onde o presidente en funcións, Miguel Ángel Revilla xa ofeceu os seus votos para que os populares non teñan que depender dos de Abascal.
Máis complexos son os casos de Aragón ou Valencia, onde precisarían do voto de Vox. Con todo, o presidente en funcións da Comunidade Valenciana, Ximo Puig, non pecha a porta a acordos co Partido Popular.
En Estremadura, o xiro do actual presidente, Fernández Vara, prolongará o proceso. De anunciar a súa marcha tras dos resultados das eleccións, di agora que se presentará á investidura como forza máis votada. E é que as contas sáenlle á popular María Guardiola, que obtivo o mesmo número de escanos e que intentará gobernar en solitario.
Na outra banda do taboleiro, está Navarra, onde a socialista María Chivite necesita o apoio de Bildu, que lle pide a cambio o concello de Pamplona.
Asturias e as Canarias tamén poderían manter os gobernos do PSOE con pactos. E en Castela-A Mancha con maioría absoluta, Emiliano García Page anuncia que unha das súas primeiras medidas será reformar o estatuto para cambiar la lei electoral e aumentar deputados.