As infeccións pola covid superan as mil en Galicia e segue o incremento de positivos
Son 1.077, (+84) as persoas co virus en Galicia
Hai 12 enfermos nas UCI, un máis que 24 horas antes
O aumento de casos activos do virus non se frea unha xornada máis en Galicia. Son 84 máis as persoas con coronavirus que 24 horas antes. Manténse en algo máis do 5 % o incremento diario. Son 1.077 as infeccións activas con datos das 18 horas do venres.
Segue o incremento de positivos detectados nas probas diagnósticas e son 133 (+10). Por cuarta xornada consecutiva Galicia rexistra máis dun cento de novos contaxios diarios. A taxa de positividade sitúase no 4,85 % co se aproxima ao 5 % fixado pola OMS para o control da pandemia.
Canto a situación nos hospitais mantense a estabilidade na presión. Hai 49 persoas ingresadas (+1) das que 12 están nas UCI, (+1) e a cifra de persoas en planta é a mesma que a xornada previa, 37.
Dos casos activos 1.028 teñen supervisión telefónica de médicos nos seus domicilios. A metade dos contaxiados están nas áreas da Coruña e de Ourense con 277 e 271 persoas co virus respectivamente. O resto son 160 en Vigo, 101 na de Lugo, 94 en Santiago, 87 en Pontevedra e outros 87 na área de Ferrol.
Segue o aumento en Galicia da incidencia acumulada nos últimos días, pero moi por baixo da media do resto das comunidades.
O Sergas non notificou novos decesos nas últimas horas polo covid, co que a cifra de falecidos durante a pandemia mantense en Galicia nos 2.655 falecementos.