As gasolineiras aseguran que están nunha situación asfixiante
Máis da metade aínda non recibiron os cartos que adiantaron no mes de abril
A situación é moi delicada para moitas gasolineiras
Máis da metade das gasolineiras españolas levan mes e medio esperando a que o Ministerio lles aboe os 20 céntimos que descontan no combustible. A estas alturas din que xa non poden aguantar más a asfixia económica.
Ao bordo do colapso. Así definen a súa situación dende a agrupación de gasolineiras. Denuncian que a maioría non recibiu a devolución da bonificación, unha situación que se agrava aínda máis nas gasolineiras pequenas. Acusan o Goberno de falta de sensibilidade, xa que non foi capaz de dar unha resposta ás solicitudes do sector. Din que están a facer un grande esforzo todos os días e que están poñendo en grave risco a supervivencia dos seus negocios.
Dende o un de abril pecharon en España unhas duascentas estacións de servizo. É unha porcentaxe mínima, aseguran dende Aevecar, pero é unha mostra dunha situación que definen como asfixiante.
Agora deberían estar recibindo xa as cantidades, os vinte céntimos por litro, que adiantaron a comezos de mes. Pero nin o recibiron nin saben cando o van recibir. Din que tampouco teñen contacto co Goberno. Mentres, o Executivo di estar moi pendente de se as gasolineiras están subindo os prezos.
Unha ameaza, que Competencia vixíe as petroleiras, sen ningún tipo de lóxica, din os gasolineiros, xa que o prezo dos combustibles non depende nin do sector nin do Goberno. É, aseguran, unha consecuencia da situación internacional.