As farmacias venderán tests de antíxenos de uso profesional para paliar a escaseza actual
A Axencia española do Medicamento autoriza a medida de xeito temporal
Serán probas nasais e está previsto que saian á venda a semana que vén
"Tedes tests de antíxenos?". É a pregunta do día nas farmacias. E estoutra a resposta máis oída... "Nada, imposible, proba mañá".
"Levo 3 farmacias e nada, non sei que facer". "Eu levo sete, imposible conseguir", din os clientes desta farmacia compostelana.
A proximidade do Nadal e a explosión de contaxios dos últimos días multiplicou por 1.000 a demanda de tests de antíxenos, e os que chegan voan en cuestión de minutos. "Piden 200 ao día e chegan uns 10", explica o farmacéutico Daniel Álvarez.
Está previsto que para a semana se reforce a oferta con tests de uso profesional. Unha medida temporal ata que se normalice o subministración. "Vaise derivar parte do stock que pode haber en centros hospitalarios para que o cidadán poda ter as probas nestes momentos de alta demanda", engade Daniel.
Desde as boticas piden calma, din que é unha escaseza puntual e recordan a importancia de cumprir coas normas de prevención nas festas. "O test está ben pero o fundamental é a máscara, a distancia e ventilar ben", di Menchu Baladrón, desde a súa farmacia de Ourense.
Tamén inciden en que os antíxenos son fiables pero non infalibles e recordan que existen alternativas gratuítas como os test de saliva e as PCR sen cita das áreas sanitarias.