Publicador de contidos
Publicador de contidos

As enquisas apuntan a que Alfonso Rueda pode revalidar a maioría absoluta, nun escenario aínda aberto

As enquisas apuntan a que Alfonso Rueda pode revalidar a maioría absoluta, nun escenario aínda aberto

Todos os barómetros debuxan un escenario máis ou menos semellante

Algúns estudos demoscópicos abren a porta a que Sumar e Democracia Ourensana entren no Parlamento

Candidatos no debate electoral da CRTVG
G24.gal 11/02/2024 11:08 Última actualización 11/02/2024 14:47

As oito sondaxes publicadas hoxe en prensa escrita coinciden en que o Partido Popular gañará as eleccións. Só unha, a difundida por El Pais, abre a porta a que o faga con menos de 38 escanos. O resto sitúa os populares por enriba do limiar da maioría absoluta, con ata 42 deputados.

Os barómetros difundidos este domingo sitúan o BNG como segunda forza, duplicando practicamente o PSdeG. Os nacionalistas quedarían con entre 19 e 26 parlamentarios e os socialistas, con entre 10 e 14.

Algúns destes estudos demoscópicos abren a porta a que Sumar e Democracia Ourensana consigan entrar no Parlamento autonómico, pero todas coinciden en que Vox e Podemos non van conseguir ningún deputado

Sete días antes das eleccións, as enquisas apuntan a que Alfonso Rueda pode revalidar a maioría absoluta, nun escenario, en todo caso, aínda aberto. Todos os barómetros debuxan un escenario máis ou menos semellante, aínda que cada un cos seus matices.

A enquisa de Sondaxe que publica La Voz, por exemplo, apunta a que o PP é a forza que máis sobe dende o inicio da campaña. Co 46 % dos votos, os populares conseguirían 39 escanos. O Bloque, tamén á alza, quedaría con 23 deputados e os socialistas, con 13. 

É un escenario parecido ao que perfila o barómetro de Gesop para Prensa Ibérica. Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Opinión publican unha sondaxe en que os populares conseguirían a maioría absoluta con entre 38 e 39 parlamentarios, co Bloque entre 24 e 26 e o PSdeG entre 11 e 12.

Todos os estudos demoscópicos publicados hoxe coinciden en que o Bloque medra a costa dos socialistas. A enquisa do Instituto DYM para El Progreso e Diario de Pontevedra sitúa ós nacionalistas con entre 23-24 estanos e ó PSdeG nos 11-12. O PP tería maioría absoluta con 39-40 parlamentarios e esta sondaxe abre a porta a que entre no Parlamento Democracia Ourensana cunha acta.

É un diagnóstico semellante ao que fai Infortécnica para La Región e Atlántico. Este barómetro cre que pode entrar esa forza en Ourense pero tamén o pode facer Sumar, con ata dous escanos nas provincias atlánticas. En todo caso, o resto do debuxo é moi parecido. O PP tería unha maioría absoluta con entre 39 e 42 deputados, o BNG quedaría con entre 21 e 23 e o PSdeG andaría entre os 11 e os 12.

Tamén calcula que pode entrar Sumar no parlamento autonómico unha enquisa de DemosGal que publica El Ideal Gallego e o resto de xornais da Editorial La Capital. Esta sondaxe sitúa o PP entre os 39 e 41 escanos, ó BNG entre os 19 e os 20 e o PSdeG entre os 12 e os 14.

Para Nós Diario o BNG roza o 30 %, fronte a un PP á baixa. Maioría para o PP con 38 escanos, 23 para o Bloque, 13 para os socialistas e 1 para Democracia Ourensana.

Todas as sondaxes publicadas pola prensa coinciden en debuxar un escenario máis ou menos semellante agás unha, a de 40dB para El País. Este xornal titula que "a maioría absoluta do PP periga". O certo é que esta enquisa dá un abano moi amplo. Sitúa os populares entre os 36 e os 40 deputados, dous por debaixo ou dous por enriba desa maioría absoluta. O Bloque estaría entre os 22 e os 25 e o PSdeG, entre 10 e 13. Tamén entraría Democracia Ourensana no Hórreo cunha acta.

Non o conseguirá segundo o panel de Sigma Dos que publica El Mundo. Nesta sondaxe os populares revalidarían a maioría absoluta con entre 39 e 41 escanos, co BNG entre os 21 e os 23 e o PSdeG entre 12 e 13.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade