Publicador de contidos

Publicador de contidos

As dúas vítimas do temporal en Asturias ignoraron a prohibición de subir ao espigón

As dúas vítimas do temporal en Asturias ignoraron a prohibición de subir ao espigón

Investigan se tamén houbo neglixencia nas dúas mortes de Tarragona

O temporal deixa tamén rebordamento de ríos e estragos causados polo vento

G24.gal 29/03/2024 20:33 Última actualización 29/03/2024 20:53

Un día despois de que o mar levara por diante dúas persoas en Asturias, a xente seguía sen facer caso dos carteis que advirten do risco de subir aos espigóns dos peiraos de San Esteban e de Cudillero onde se produciron os sinistros.

"Os sinais de prohibición están, son moitas e claras", explica o alcalde.

As autoridades consideran que os dous casos se deberon a neglixencias das vítimas. Os veciños están fartos de advertirlles aos turistas do risco ao que se expoñen, moitas veces por un simple selfie.

"Ademais cando hai temporais poñen cintas, pero a xente salta as cintas e van ver o mar de preto. E non lles digas nada que aínda podes saír mal parado porque o malo eres ti", explica un veciño de Cudillero.

"Son neglixencias nosas", di tallante unha muller.

Na costa de Tarragona investigan as circunstancias da morte dun mozo que caeu ao mar e dun home que intentou rescatalo. Coas condicións que había tamén era perigoso achegarse a onde ocorreu o suceso.

"Os servizos de emerxencias xóganse a vida e a xente antes de facer determinadas cousas debería pensar que non só pon en perigo a súa vida senón a de outras persoas", di o alcalde de Tarragona.

Pero o temporal deixa tamén estragos materiais.  A chuvia rebordou o leito do río en San Nicolás del Puerto asolagando parte da localidade sevillana. En Cádiz os maiores estragos causounos o vento. Guindou árbores e botou abaixo un circo ambulante no Puerto de Santa María.

"Nun momento caeron raios, tronos e desatouse un vento moi forte. Miramos pola fiestra e vimos como caía o circo", explica un dos artistas.

Catorce comunidades españolas manteñen activados avisos amarelos por fortes precipitacións, vento ou temporal costeiro. A iso hai que sumar a presenza da neve en cotas relativamente baixas que poden dificultar os desprazamentos por estrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade