Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas concéntranse no Congreso "por amor á democracia"

Milleiros de persoas concéntranse no Congreso "por amor á democracia"

A marcha en apoio de Pedro Sánchez tiña como obxectivo "defender a democracia fronte ás falsidades da dereita mediática"

G24.gal 28/04/2024 20:47 Última actualización 28/04/2024 21:04

A poucas horas de que Pedro Sánchez anuncie se continúa ou non na presidencia do Goberno, millleiros de persoas concentrábanse o domingo pola tarde diante do Congreso dos Deputados para apoiar a súa continuidade no cargo. A marcha tiña como obxectivo, segundo os convocadores, "defender a democracia fronte ás falsidades da dereita mediática".

Varios miles de persoas manifestáronse baixo o lema "Por amor á democracia" e chegaron ao Congreso dos Deputados para denunciar que as "chantaxes e trolas non poden contra a democracia e contra o pobo".

Os asistentes levaban pancartas en que lle pedían a Sánchez que non se renda e que siga no cargo. Na concentración participaron, entre outros cargos públicos, a ministra de Sanidade Mónica García, o ministro de Cultura Ernest Urtasun ou o portavoz de Sumar no Congreso dos Deputados Íñigo Errejón.

"O pobo, unido, xamais será vencido" e "democracia popular" foron algún dos cánticos elevados polos manifestantes, que tamén portaban carteis con lemas como "non te rendas" ou "Si, sigue".

Un dos portavoces da asociación La Plaza José Luis Martínez asegurou aos xornalistas que convocaron esta manifestación para denunciar que "o PP e o seu poder mediático e xudicial son unha mafia".

"Nin nos dobregarán nin, por suposto, nos domesticarán. Aquí estamos para defender a política e, por suposto, para alzar a voz fronte a ese acoso da dereita que leva anos perseguindo as xentes progresistas", apuntou García, quen asegurou que trasladou a Sánchez "ánimo, agarimo e empatía". Sobre que decisión tomará mañá, García descartou "elucubracións", pero remarcou que a política ten que servir para "transformar, non para insultar nin para acosar".

Pola súa banda, Bergerot apuntou ao "bullying político" que exercen os líderes do PP Alberto Núñez Feijóo e Isabel Díaz Ayuso xunto ao dirixente de Vox Santiago Abascal e esixiu que acabe "a estratexia política, mediática e xudicial de acoso e derriba dos gobernos lexitimamente elixidos polo pobo".

A candidata de Sumar ás eleccións europeas Estrella Galán pediu que se "alce a voz" contra o acoso: "Isto non vai de persoas, vai dun proxecto político de liberdade da cidadanía, que está levantada precisamente para dicir que xa abonda", apuntou.

"Pode ser estratexia política, pode ser pirueta, pero tamén pode ser unha persoa que rompe detrás dun político, que, a final de contas, a pesar de presidente, tamén é un ser humano", defendeu Errejón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade