As confrarías ultiman os preparativos para a celebración da Semana Santa de Ferrol
O pregón será o 16 de marzo
Son días de moito traballo nas confrarías. Hai que sacar brillo aos candelabros e cada unha das pezas que se colocarán nos pasos, facer as estruturas dos capuces e preparar os novos hábitos.
"Estamos a limpar candearía, preparando a cera e o propio paso. Hai moito traballo, pero temos un equipo de traballo que responde moi ben e que está para todo o que precisemos", di Javier González, secretario da Irmandade da Mercé.
Tras unha cortina agóchase un dos segredos mellor gardados da confraría da Mercé: unha nova imaxe, a do Noso Pai Xesús da Humildade, obra da imaxineira gaditana Ana Rey, que sairá o Xoves Santo nunha nova procesión.
E máis novidades que, segundo Javier González, "todo ten que ver coa imaxe nova. Temos un novo chan para o paso. Imos poñerlle unha oliveira e imos facer un misterio. A idea destas dúas imaxes e formar un misterio máis grande".
Con arredor duns 400 confrades, a Mercé desta volta sacará á rúa catro procesións, unha máis que o ano pasado. Preparan a conta atrás, cun único pensamento, tal e como apunta Javier González: "que non chova é o queremos. Logo que a xente desfrute da Semana Santa de Ferrol e que siga descubrindo que é Ferrol porque é unha cidade bastante bonita e eses días ponse aínda máis bonita".
O sábado día 16 o Teatro Jofre acollerá o pregón, que este ano correrá a cargo da xornalista ferrolá Marta Corral. Dará comezo así a Semana Santa de Ferrol.