As carencias do Celta quedan ao descuberto ante o Osasuna
Fran Beltrán: "Creo que temos que dar moito máis, hai que mirar o que cada un poida facer"
Os papeis de Benítez sinalaban os perigos de Osasuna, as súas fortalezas e debilidades. Pero o que non podía imaxinar é que os cinco minutos, Budimir xa ía estrelar unha pelota no pau. E que no vintecatro, os navarros se adiantarían no marcador noutro novo remate do dianteiro croata rexeitado polo traveseiro e transformado en gol por Rubén García. O técnico, a cousa cheiráballe mal.
Rafa Benítez, adestrador do R. C. Celta: "Se ti dis que o Osasuna é un equipo que é forte no xogo aéreo, que sacan centros, que rematan e que debemos evitalos, é facil dicilo, pero difícil facelo".
Na primeira metade, o Celta non disparou a porta unha soa vez. Mentres, os navarros seguían impoñéndose por arriba cun Budimir hiperactivo en ataque e decisivo en defensa evitando o gol celeste. Ante a falta de ideas, Benítez optou por dar entrada a Gabri Veiga para aclarar o xogo ofensivo do equipo, pero o que se atopou foi cun novo gol de Osasuna. Rubén Peña desfaise de Fran Beltrán, dispara o poste e o rexeite aprovéitao Moi Gómez para facer o cero a dous. A sorte estaba botada.
Fran Beltrán, do R. C. Celta. "Creo que temos que dar moito máis, hai que mirar o que cada un poda facer, se hai que arrimar máis o ombreiro facelo, este é o momento, acabamos de empezar, non valen escusas".
Para Fran Beltrán a temporada acaba de empezar, para outros, como Gabri Veiga semella a piques de rematar.