As axudas ao combustible limitaranse ás rendas máis baixas a partir de xullo
O desconto aos consumidores xestionarase a través dunha tarxeta
O desconto de 20 céntimos por litro no prezo do combustible para calquera que teña que encher o depósito ten os días contados. O Goberno considera que foi unha medida de emerxencia para rebaixar dun xeito rápido os efectos do encarecemento dos combustibles. Agora dálle unha volta e quere limitalo ás rendas máis baixas.
O sistema que se baralla sería a posta en marcha dunha tarxeta que se presentaría nos establecementos para poder obter os descontos. Desde a Federación de Estacións de Servizo piden que conte coas pequenas empresas para a posta en marcha dun novo sistema ao que terán que adaptarse. O desconto universal para todo tipo de combustibles ten vixencia ata o próximo 30 de xuño.