Publicador de contidos

Publicador de contidos

As autoridades rusas entréganlle o corpo de Navalni á súa nai

As autoridades rusas entréganlle o corpo de Navalni á súa nai

O opositor ruso morreu hai nove días na prisión en circunstancias non esclarecidas

G24.gal 24/02/2024 17:59 Última actualización 24/02/2024 18:43

As autoridades rusas accederon este sábado a entregarlle á súa nai o corpo do líder opositor, Alexéi Navalni, falecido en prisión en circunstancias non esclarecidas fai nove días, informou o equipo do político.

"O corpo de Alexéi foi entregado á súa nai. Grazas a todos que o esixían xunto connosco", escribiu na rede social X Kira Yarmish, portavoz do falecido opositor.

Yarmish agregou que a nai de Navalni, Liudmila, aínda se atopa na cidade ártica de Salejard, próxima ao cárcere onde o pasado día 16 morreu o seu fillo.

"Por diante temos os funerais, pero non sabemos se as autoridades van impedir que se celebren tal e como o desexa a familia e como o merece Alexéi", agregou. 

O Comité de Instrución de Rusia (CIR) presentoulle este venres un ultimato á nai do líder opositor ruso para que aceptase un enterro secreto co fin de evitar manifestacións públicas de repulsa contra o Kremlin, segundo informaron os correlixionarios de Navalni.

Liudmila Naválnaya negouse a negociar, aducindo que os seus investigadores "non teñen facultades para decidir como e onde enterrar o seu fillo".

Denuncia da viúva

A viúva de Navalni, Yulia, que acusa directamente o presidente ruso, Vladimir Putin, de estar detrás da morte do seu marido, denunciou nun vídeo que as autoridades do país levaban nove días sen entregar o corpo do opositor.

"Devolvede o corpo do meu marido. Queremos celebrar os seus funerais e entregalo á terra, como Deus manda, como fan os ortodoxos. Entregádenos a Alexei sen condicións", esixiu.

O equipo de Navalni presentou unha demanda ante os tribunais en virtude do artigo 244 do código penal ruso sobre "profanación do corpo do defunto".

Hai uns días, a nai do político tamén lle  enviou unha carta ao presidente ruso para que lle entregasen o cadáver do seu fillo, que morreu repentinamente por "causas naturais", segundo a versión oficial, que rexeitan os correlixionarios do opositor.

Numerosos artistas, intelectuais e xornalistas rusos no exilio sumáronse á campaña lanzada polos aliados de Navalni na súa canle de Telegram para a devolución do corpo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar