Confirmadas 127 vítimas mortais na avalancha despois dun partido en Xava
O Goberno indonesio rectifica o número de vítimas mortais iniciais, son 125 civís e dous policías
Investígase o uso de gas lacrimóxeno dentro do estadio e a venda de máis entradas das permitidas
O Goberno indonesio rectificou a cifra de vítimas da avalancha que se produciu este sábado despois dun partido de fútbol nun estadio de Xava oriental. Finalmente son 125 civís falecidos, entre eles 17 menores, e mais dous policías. Os feridos ascenden a máis de 300.
Despois da avalancha de 3.000 afeccionados que saltaron ao campo ao remate do partido, a investigación sobre o que aconteceu segue agora en marcha co estadio pechado.
No interior do lugar faleceron 34 persoas, a maioría asfixiadas, as 91 vítimas civís restantes morreron mentres eran trasladadas aos hospitais. Os servizos sanitarios non descartan novas vítimas nas próximas horas.
"A maioría dos que están aquí teñen traumatismos, dificultade para respirar, falta de osíxeno e están afectados polo fume. Todo iso empeora o seu estado".
As autoridades insistiron este domingo en que se investigará de xeito rigoroso o que aconteceu, por que a Policía usou gas lacrimóxeno dentro do estadio cando está prohibido pola FIFA e se chegaron a venderse 4.000 entradas máis das que permite a capacidade do recinto.
O gromo de violencia continuou tamén fóra do estadio e causou numerosos danos materiais. As vítimas aseguraban no hospital que os gases non só se botaron no campo, senón tamén nas bancadas, e pedían xustiza.
O presidente do país, Joko Widodo, esixiu que se revisen todos os procedementos de seguridade nos estadios e que se interrompa a liga. E lamentou a traxedia, unha das que máis vítimas mortais rexistrou nunha competición de fútbol.