Publicador de contidos
Publicador de contidos

Conclúe a análise da zona do accidente de Cerdedo; a investigación céntrase agora no autobús

Conclúe a análise da zona do accidente de Cerdedo; a investigación céntrase agora no autobús

Os membros do Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) inspeccionaron a zona cun equipo de topografía e drons

Pola tarde volverán analizar o autobús sinistrado que permanece custodiado en Pontevedra

Adiouse a declaración do condutor na comandancia de Pontevedra

Expertos en reconstrución de accidentes de tráfico recollen probas no lugar do sinistro
G24.gal 28/12/2022 11:38 Última actualización 28/12/2022 15:07

O equipo de expertos da Garda Civil desprazados desde Madrid a Galicia realizaron este mércores a reconstrución do accidente de autobús ocorrido en Noiteboa en Cerdedo-Cotobade e que lles custou a vida a sete persoas.

Sobre as 10:00 horas, os membros do Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) empezaron a inspeccionar a zona cun equipo de topografía e cortaron o acceso aos dous extremos da ponte para gravar vídeos para o xulgado. 

Os axentes, expertos en materia de accidentes de tráfico, chegaron este mesmo mércores a Galicia para reconstruír este sinistro e determinar as causas que puideron desembocar nel.

Os primeiros pasos na reconstrución foron a medición no punto do accidente, entre elas características e condicións da calzada, adherencia do asfalto, as distancias que percorreu o autobús, ou probas de freada

As condicións meteorolóxicas hoxe aproximábanse algo as do día do sinistro, porque choveu intensamente por momentos.

Nestes traballos empregaron un escáner láser para facer un estudo tridimensional da zona e drons chegados dende Asturias.

Os expertos da Garda Civil solicitaron ademais a presenza dun autobús das mesmas condicións que o sinistrado para recrear os feitos cunha maior fiabilidade, incluídas probas baixo premisas similares ás que había esa Noiteboa.

Este martes, os técnicos do Ministerio de Fomento lograron retirar da canle do río Lérez o autobús sinistrado, nun operativo que se prolongou durante un sete horas e no que interviñeron guindastres de gran tonelaxe, para o que foi necesario testar a resistencia da ponte.

A análise do autobús centra agora os traballos

Os seguintes pasos nesta investigación, ademais da reconstrución do accidente, son a análise do vehículo e a toma de declaración aos sobreviventes do sinistro.  

Os investigadores teñen previsto volver tomar declaración ao condutor, de 63 anos e que foi dado de alta e recupérase no seu domicilio, para repasar con el os detalles do sinistro. Estaba previsto que declarase esta mañá na comandancia de Pontevedra, pero finalmente adiouse esa comparecencia.

Non será o único testemuño directo que solicitarán, xa que está previsto que tamén declare a outra sobrevivente, unha das pasaxeiras do autocar, aínda que para falar con ela esperarán a que reciba a alta hospitalaria, polo que por agora non hai data para o interrogatorio.

A muller, de 56 anos e veciña de Ponteareas, evoluciona favorablemente das súas feridas, entre elas politraumatismos e diversas fracturas, e tras abandonar a UCI do Hospital Montecelo foi trasladada a un hospital de Vigo, área sanitaria á que pertence.

O exame dos restos do autobús, que se atopa nas cocheiras que a empresa Monbus ten en Pontevedra, será o terceiro ángulo da investigación sobre este accidente.

O autocar, que está baixo custodia da Garda Civil, xa foi obxecto dunha primeira revisión cando aínda se atopaba no leito do río Lérez pero agora será examinado de maneira minuciosa para solicitar probas que aclaren as causas do accidente.

Os investigadores volverán inspeccionar esta tarde os restos do autobús. Do interior xa recuperaron todos os elementos que poden axudar nas pescudas e que están sendo analizados.

O tacógrafo do vehículo, o dispositivo que rexistra datos acerca da marcha e de determinadas actividades do condutor, está en "boas condicións", segundo as fontes consultadas por Efe, e non sufriu anos polo impacto ou o contacto coa auga.

Ademais, tamén se extraerán datos relativos ao ABS e ao sistema GPS do autocar.

Concluídas as dilixencias da investigación, o informe do accidente será entregado ao Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, que estaba de garda o día do accidente e que será o encargado de instruír a causa xudicial que se poida derivar.

En todo caso, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegura que este informe pode "tardar semanas", polo que por agora o xulgado só ten no seu poder o atestado preliminar da Garda Civil e os informes das autopsias. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade