Arranca a campaña de ensilado da herba, que acusa o exceso de auga no inverno
O exceso de auga e o descontrol das temperaturas provocaron unha rebaixa dos azucres e un lixeiro atraso no cultivo
Abriuse unha ventá de bo tempo, e arrancou a campaña de ensilado da herba. Houbo poucos días secos para traballar así que, malia que o inverno atrasou algo o cultivo, moitos apuran para deixar listo o silo antes de que volva chover.
"Aproveitamos esta semana de bo tempo para facelo", explica José Manuel Souto, da gandería Casal Vilar en Boqueixón, Temían polas chuvias de abril, así que decidiron non arriscar. "Preferimos coller un pouco menos de cantidade, con máis calidade, e adiantámolo un pouco".
Noutras zonas, pode estar máis comprometida a calidade da forraxe. Explican os técnicos que o exceso de auga impediu traballar ben a herba no inverno. "Choveu de máis e atrasou o acondicionamento das praderías", di Xabier Caneda, responsable de produción vexetal na cooperativa Delagro. Cre que complicou, sobre todo, a aplicación dos fertilizantes.
"Nalgún caso fíxose tarde, outros quedaron escasos na dose; e quen o fixo ben, tivo problemas de lavado despois con tanta chuvia", explica Caneda. Para el, iso "repercutirá na calidade da forraxe"
A herba chega o silo con máis auga e un pouco baixa de azucre, así que recomendan corrixir todo iso para asegurar unha boa fermentación.
"Usamos conservantes, que xa levan algo de azucre; e polpa de remolacha para absorber a humidade", di Martín Fernández, da gandería Casal Vilar. "Polo frío do inverno, a herba ao mellor non desenvolveu como tiña que facelo, pero penso que non será problema", engade.
O atraso non é tan grave coma o ano pasado, pero haberá quen teña que sacrificar unha segunda colleita, porque o millo manda. "Vai depender da nube, porque os tempos son os tempos", explica Xabier Caneda. "Ir co millo a finais de maio-xuño ten as súas dificultades, tes que baixar ciclo e terás menos produción", engade.
Así que nas ganderías están atentos á nube para completar o ensilado da herba, e piden bo tempo para preparar o terreo para o millo, a forraxe estrela en Galicia.