Empate sobre a bucina do Celta Fortuna no campo do Arenteiro (1-1)
Un gol de Somuah no 93 igualou un partido onde houbo unha parte para cada equipo
O Arenteiro viu como se lle anulaban dous goles por axustados fóras de xogo
Juanfran García segue sen coñecer a vitoria coma técnico do conxunto verde
@canteiraceleste
Empate a un tanto no derbi do Espiñedo que enfrontou ao Arenteiro co Celta Fortuna. Igualada que non satisface a ningún dos dous equipos. Os verdes seguen sen coñecer a vitoria desde a chegada de Juanfran ó banco, sumando dous empates e unha derrota, namentras que o filial celeste sumou a súa cuarta xornada cosecutiva sen gañar.
Tras un inico con chegadas de ambos conxuntos adiantaríanse no marcador o equipo local despois dunha combinación entre Ferreiro e César Moreno que remata no segundo pau Jordan. O gol fixo forte o equipo de Juanfran que a piques estivo de acadar o segundo grazas a unha cacholada de Kandoussi que despexou sobre a liña de gol Coke Carrillo. Buscou a reacción cun troco o técnico celeste Fredi, que retirou o central Meixús para entrar o extremo Angelito Arcos. Pero antes do descanso quen volveu rondar o gol foi o equipo verde cunha xogada individual de Kandoussi que volveu despexar o meta céltico e cun gol anulado a Eliseo Falcón por un discutido fóra de xogo.
No descanso Fredi fixo unha nova modificación. A entrada de Somuah no lugar de Kibet. E mellorou o equipo céltico que se fixo dono da posesión da pelota pero con pouco acerto na área contraria. Víctor Mingo anotaría outro novo gol para o Arenteiro pero o FVS invalidaba o tanto do dianteiro madrileño por posición antiregulamentaria de David Ferreiro no inicio da xogada. Pasaban os minutos e o Fortuna seguía sen atinar namentras que co paso do tempo os verdes defendían en bloque baixo sen pasar demasiados apuros. Ata que na prolongación unha boa xogada pola esquerda de Angelito Arcos foi rematada de cabeza por Somuah ao fondo da portería de Diego García. E aínda estiveron a piques de levarse os tres puntos os vigueses cunha contra no minuto 96 que non soubo finalizar Ángel Arcos tras un despexe de Diego García.