Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arde unha nave abandonada na parroquia de Maianca, en Oleiros

Arde unha nave abandonada na parroquia de Maianca, en Oleiros

Os bombeiros de Oleiros pediron reforzos a Arteixo e Betanzos para extinguir o lume, que non causou danos persoais

Os danos estruturais son graves, e a zona quedou precintada por risco de derrubamento

A nave está na rúa Curros Enríquez, que conduce á praia de Mera
G24.gal 18/04/2023 14:07

O incendio dunha nave abandonada en Oleiros orixinou unha gran columna de fume negro, que chegou a verse dende A Coruña. "Víase unha fumareda enorme", di un veciño da parroquia de Maianca. "Cheiraba a plástico queimado e non se vían lapas, só fume negro". 

O incendio orixinouse pouco antes das dúas da tarde do luns. Os veciños alertaron os servizos de emerxencias de Oleiros. O seu coordinador, Juan Suárez, conta que a nave que ardeu estaba tapiada, e que non sabían que contido tiña. Foi unha vez extinguido o lume cando viron que había material diverso: "electrodomésticos, pezas de vehículos, pneumáticos, un pouco de todo”, di.

A carga de combustible era alta, así que pediron reforzos aos bombeiros de Arteixo e de Betanzos. Malia que o incendio afectaba a unha nave abandonada, sen persoas no interior, había risco de que o lume saltase á nave contigua, que si ten actividade e material almacenado. 

Tres horas e 17.000 litros de auga despois, daban o lume por extinguido. Conseguiron detelo antes de que ardera toda a carga que contiña, pero os danos estruturais son graves. 

"Hai danos estruturais no tellado e no peche da nave", explica Suárez".

A estrutura que suxeita o tellado está danada e hai risco de que colapse. A zona quedou precintada e a electricidade cortada, á espera de que os técnicos municipais determinen se procede dar orde de derrubamento. A Garda Civil investiga as posibles causas do incendio. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade