Arabia réndese á calidade do Real Madrid
Triunfo na Supercopa do equipo branco grazas aos goles de Modric e Benzema

O Real Madrid gañou a Supercopa de Arabia, a que paralizou todo o mundo do fútbol en España desde a Primeira División ata a Segunda Federación. O que acontecese no país dos petrodólares requiría toda a atención, e aí os brancos aproveitaron para acaparar as olladas co triunfo sobre o Athlétic.
O equipo de Marcelino non foi ese conxunto descarado que lle subiu ao turbante ao Atlético. Nin coa entrada de Nico Williams na segunda metade puido facerlle dano a un Real Madrid sólido e seguro. Agardaron como un raposo do deserto ata que chegou a súa oportunidade. Antes do descanso, Modric deu un "pase á escuadra" co que puxo en vantaxe o seu equipo.
Ao pouco de principiar a segunda metade, a videoarbitraxe avisou a Soto Grado. Unhas mans de Yeray foron castigadas como penalti, diante dun Marcelino alporizado. O infalible Benzema transformouno e deixou o partido visto para sentenza cando aínda quedaba media hora.

O partido camiñaba co control do Real Madrid ata que no 87 unhas mans de Militao provocaron o penalti e a súa expulsión. Faltaba a aparición de Courtouis, que detivo co pé o lanzamento de Raúl García.
O Real Madrid meteu a duodécima Supercopa no peto, a unha do Barcelona. Nas dúas edicións de Arabia, o triunfador foi o Real Madrid. Curiosamente, en ningunha das edicións gañara ningún título a temporada anterior.
Real Madrid: Courtois, Lucas, Militao, Alaba, Mendy, Casemiro, Modric, Kroos, Rodrygo (Valverde 64'), Vinicius (Marcelo 86'), Benzema.
Athlétic: Unai Simón, De Marcos, Yeray, Íñigo, Balenziaga (Yuri 58'), Berenguer (Nico Williams 46'), Zárraga (Vesga 58'), Dani García, Muniain (Nico Serrano 80'), Iñaki Williams, Sancet (Raúl García 58').
Goles: 1-0 Modric 38' 2-0 Benzema 52' pen.
