Apunta cunha arma os empregados dun negocio de Ribeira e ameaza de morte o propietario
Trátase dun coñecido delincuente con múltiples antecedentes por tráfico de drogas e roubo que puido confundirse de persoa
Os carteis que advirten da existencia de cámaras de seguridade nun negocio de Palmeira, en Ribeira, non amedrentaron o individuo que o martes pola tarde se presentou nunha furgoneta vermella acompañado dunha muller como se ve nas imaxes da gravación.
Accedeu ao recinto empuñando unha arma, apuntou dous empregados e proferiu ameazas de morte contra o propietario do negocio que non estaba alí. Este está convencido de que o delincuente se equivocou porque nun determinado momento baixou do coche unha muller, díxolle que non era a persoa que buscaba e marcharon.
O home foi detido pola Policía Nacional e a xuíza deixouno en liberdade cunha orde de afastamento da vítima e prohibición de comunicarse con el.
Trátase dun coñecido delincuente con múltiples antecedentes por tráfico de drogas e roubo. Os veciños aseguran que ten un taller ilegal e dedícase a roubar pezas noutros negocios para reparar os coches.
O empresario ameazado contounos que recentemente unha das vítimas deses roubos foille chamar a atención ao delincuente e tiveron máis que palabras. Pensa que o martes ía buscando vingarse desa persoa e confundiuno con el.
Malia que finalmente todo quedou nun susto para os empregados, di sentirse desprotexido pola xustiza por deixar en liberdade un delincuente reincidente que segue actuando con impunidade.