A Xunta trasladará ao Goberno as necesidades das empresas que operan en Oriente Medio
A conselleira de Economía e Industria visitou en Santiago a empresa máis lonxeva de Galicia
María Jesús Lorenzana percorreu as instalacións da papeleira Brandía, que opera en Oriente Medio e á que ofreceu colaboración para paliar o aumento dos custos loxísticos e enerxéticos
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou que a Xunta vai trasladar ao Goberno os puntos críticos que se detecten na mesa de apoio loxístico activada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facer seguimento das empresas galegas que operan en Oriente Medio.
Nunha visita ás instalacións da empresa Papelera de Brandía, en Santiago de Compostela, Lorenzana avogou pola prudencia e por agardar a que se coñezan as medidas que o Goberno vai aprobar no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro venres.
Ao respecto, a conselleira informou de que estes días mantivo contactos co secretario de Estado de Industria, Jordi García, a quen agradeceu que teña "a mellor das disposicións" para colaborar en "paliar algo que de momento é conxuntural pero que xa está afectando moito desde o punto de vista dos custos loxísticos ou enerxéticos".
A empresa Brandía é a única papeleira galega, fundada en 1810 pola familia Riva e forma parte das estratexias de internacionalización do Igape.
Exporta a 70 países un 66 por cento da súa produción.