António Costa vota de xeito anticipado e chama os portugueses á participación
O líder dos socialistas votou no Porto
Hoxe votarán anticipadamente máis de 300.000 persoas

Portugal escollerá representantes na Asamblea da República o vindeiro domingo 30 de xaneiro pero hoxe as urnas xa estiveron abertas para 300.000 portugueses que solicitaron facelo hoxe anticipadamente. Entre esas persoas, o propio primeiro ministro António Costa.
Á súa saída do punto de votación na cidade do Porto, Costa instou os cidadáns a participaren masivamente nestas eleccións que tiveron que ser adiantadas despois de que o Goberno socialista non sacara adiante os seus orzamentos para 2022.
Nos últimos días o Goberno foi obxectivo de críticas pola decisión de que os cidadáns confinados e positivos en covid–19 poderán achegarse ás urnas canda o resto de cidadáns. Costa dixo hoxe a ese respecto que "están creadas todas as condición para que todos poidan votar con seguridade" e lembrou que os positivos por coronavirus si terán unha franxa para poder exercer o seu dereito: de 18:00 a 19:00 horas.
Os comicios portugueses sofren unha forte abstención historicamente. Nas últimas lexislativas, a participación foi do 54 % e todos os partidos están centrados nesta campaña en espertar o interese e compromiso dos cidadáns lusos para que se acheguen a votar hoxe e o vindeiro domingo 30. Para daquela calcúlase que haberá unhas 400.000 persoas confinadas por contacto ou por estaren infectadas.