Angeliño volve ao Depor catorce anos despois
O de Coristanco será deportivista no regreso dos coruñeses a primeira
Chega como cedido pola Roma até xuño de 2027 con opción de compra
Logo de días de ruxe ruxes, xa é oficial. José Ángel Esmorís Tasende, Angeliño, xa é novo xogador do Deportivo da Coruña. Chega cedido pola Roma ata final de temporada e con opción de compra. O futbolista coruñés regresa ao club no que comezou a darlle forma ao seu soño para converterse en novo xogador branquiazul na temporada do regreso deportivista á elite do fútbol nacional.
Angeliño comezou na categoría alevín do Depor logo de formarse nas Escolas Luis Calvo do Bergantiños en Carballo. Da Coruña, deu o salto ao fútbol europeo, vestindo camisolas como a do Manchester City, PSV Eindhoven, RB Leipzig, Galatasaray e AS Roma
Con máis dun cento de partidos na Bundesliga, experiencia na Serie A italiana, na Eredivisie e nas grandes competicións continentais, Angeliño aterra na Coruña convertido nun futbolista contrastado.O seu currículo inclúe 101 encontros e 7 goles na Bundesliga, 68 partidos e 4 tantos na Eredivisie, 61 encontros e 2 goles na Serie A, ademais de 29 partidos e 3 goles na UEFA Champions League e 23 encontros e 3 tantos na UEFA Europa League.