Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Sandamil "tiña coñecemento do que facía", aseguran os psiquiatras

Ana Sandamil "tiña coñecemento do que facía", aseguran os psiquiatras

Ana Sandamil, xunto ao seu avogado, durante o xuízo na Audiencia Pronvincial de Lugo
G24.gal 11/02/2022 15:17

"Sabía o que estaba facendo?", preguntou a fiscal que exerce a acusación no caso pola morte da pequena Desirée. "Nós pensamos que si, que tiña coñecemento do que estaba facendo", responde unha das psiquiatras que presta testemuño nesta xornada no xuízo contra Ana Sandamil, acusada do asasinato da súa filla  Desirée Leal en maio de 2019.

"Pode que chegue a un momento de angustia no que non vexa máis saídas que me manto, mátoa, matámonos", explica outro dos psiquiatras. "Pero había outras moitas posibilidades, podía evitalo, pero non reflexionou. Sabía que estaba mal porque se houbese unha psicose non intentaría ocultar nada", conclúe. 

 

Estes peritos que analizaron á nai da nena Desirée Lea aseguraron este venres que a muller ten unha "personalidade patolóxica", na que non descartan algún tipo de psicopatía ou con ideas delirantes, aínda que cren que ten unha "evidente e voluntaria simulación de síntomas".

Segundo as súas entrevistas coa acusada e a análise da documentación existente, os expertos consideran que puido "desenvolver un pensamento psicótico e delirante" nos momentos previos ao crime, aínda que cren que isto non tivo relación coa hipotética execución do crime.

"Puido haber un desenvolvemento previo aos feitos, pero non conectamos ese posible desenvolvemento delirante cos feitos", explicaron en sede xudicial os expertos, que precisaron que a nena "non participaba nesas ideas delirantes" segundo trasladou ela.

"A nós nunca nos dixo que á nena a vise rara ou estraña, ou que vise que había que librala dun sufrimento ou que supuxese un perigo ou unha ameaza", ratificaron. A narración da muller estaba moi centrada "no seu estado previo" e, aínda que foi preguntada, "nunca dixo nada" sobre o sucedido esa noite, aludindo a que non o lembra. Con todo, os peritos consideran que se trata dunha amnesia "moi selectiva" e "forzada". "Non nos parecía real", engadiron.

Esta situación, unida a unha "sobresimulación de síntomas" failles concluír que a acusada "ten unha personalidade patolóxica", un "trastorno de personalidade de base que afecta á súa maneira de manexar o estrés" e que lle fai "obcecarse" e "ver poucas saídas" ante unha situación estresante.

Esta alteración, conclúen, afectou parcialmente ás súas facultades. Pola contra, unha psicóloga forense que se entrevistou coa acusada xa en prisión afirmou que, segundo o seu punto de vista, a muller si padecía dun cadro psicótico que afectaba á súa capacidade de actuar no momento dos feitos.

Antes da intervención dos peritos, as psicólogas do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) dixeron sobre Ana Sandamil que "o alcance do recordo pode ser maior do que ela di".

Ante os nove membros do tribunal do xurado, indicaron que viron nela un trastorno de personalidade con trazos evitativos que pode percibir as cousas dun modo distorsionado, pero que sen dúbida comprende, e que podería promover ela mesma un "desexo activo" de non lembrar.

En todo caso, subliñaron que non hai unha proba específica que diga que a amnesia disociativa que a procesada mostra poida ser consciente e voluntaria.

E un desenvolvemento delirante, especificaron a preguntas da defensa, podería ser "compatible" co trastorno de personalidade mencionado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade