Ana Pontón convértese en "humorista" para felicitar as festas aos galegos
Na súa intervención tira de ironía para reflexionar sobre as tradicións e costumes destas datas, incluíndo os propios discursos de fin de ano dos líderes políticos, que parodia
Na súa felicitación Pontón comparte desde o humor reflexións sobre algúns dos temas que máis atención suscitaron ao longo do ano, como o proxecto de Altri, sobre o que prognostica que a deste ano será “a súa última cea” de empresa en Galicia
O BNG lanzou este martes o seu vídeo para felicitar as festas do Nadal aos galegos e no que a portavoz nacional, Ana Pontón, se converte en “humorista” para ensaiar o seu “discurso de presidenta” en clave de monólogo.
Deste xeito, o BNG aposta este ano polo humor para, subida a un escenario, facer un repaso por algúns dos asuntos que marcaron a actualidade galega e internacional ao longo de 2025.
Na súa intervención, tira de ironía para reflexionar sobre as tradicións e costumes destas datas, incluíndo os propios discursos de fin de ano dos líderes políticos, que parodia. Mentres ela ensaia o seu discurso apunta que a do discurso do Nadal “é unha desas tradicións coas que hai que ir acabando cando sexa presidente”.
Na súa felicitación Pontón comparte desde o humor reflexións sobre algúns dos temas que máis atención suscitaron ao longo do ano, como o proxecto de Altri, sobre o que prognostica que a deste ano será “a súa última cea” de empresa en Galicia, xa que confía en que a iniciativa dunha macroplanta de celulosa en Palas de Rei non se leve a cabo.
Con todo o meu humor, Felices Festas! pic.twitter.com/JsnMvKRFwa
— Ana Pontón (@anaponton) December 23, 2025
Ironiza con que a esa cea ficticia, ademais dos directivos da multinacional portuguesa, tamén acudirán os conselleiros da Xunta que traballan en numerosas empresas porque “debe ser que non chegan a fin de mes”, chancea, cos salarios que perciben do Goberno galego.
Sobre as tradicións do Nadal, tamén fai referencia aos cambios que algúns parecen interesados en introducir como unha substitución do piñeiro polo “eucalipto de Nadal”.
Un cambio de tradición que seguiría ao que xa se produciu en Galicia ao substituír a chegada dos tres Reis Magos de Oriente, dado que agora “só vén un, desde Abu Dhabi e en iate”, sinala en referencia ás visitas do rei emérito a Sanxenxo.
Finalmente, a líder do Bloque tamén apunta a outra “tradición importada” como as 12 uvas de fin de ano que, “din que hai que tomalas ao ritmo das badaladas da Porta do Sol de Madrid” desde onde, reprocha, pretenden gobernar Galicia. “Algúns tragan” con esa tradición, pero no BNG non, remarca a nacionalista.