Ana Pontón considera"ano perdido" o primeiro ano de goberno de Rueda
A voceira nacional do BNG cre que se priorizaron “os intereses do PP” aos de Galicia
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reuniuse este martes co seu grupo parlamentario para facer un balance do primeiro “ano de desgoberno” de Alfonso Rueda que, ao seu xuízo, estivo marcado pola “propaganda e frivolidade” do PP.
Pontón reprochou en rolda de prensa que Rueda se defina como un presidente feliz mentres hai “moita xente infeliz neste país” porque teñen que afrontar listas de espera interminables, o seu pai ou nai morre esperando por unha prestación de dependencia, e teñen empregos de “baixísima calidade”.
“Esa é a realidade que nos deixa un goberno que practica o desgoberno”, esgrimiu Pontón, que insistiu en que a pesar da “propaganda e o triunfalismo” do PPdeG, “os problemas reais da xente seguen aí”.
Fixo referencia á traxectoria de Rueda á fronte do Executivo no que evidenciou ser “desleal con Galicia que traballa para as empresas amigas e as multinacionais”, á vez que é “insolidario” coa cidadanía galega.
Ao seu xuízo, tamén demostrou ser “extremista e antidemocrático” ao “ensuciar o debate e propagar ‘trolas’”, mentres “minte e oculta información ao Parlamento”.
Outro dos trazos destacables deste ano, considerou, é o dun Goberno “antigalego” empeñado en “converter o galego nunha lingua residual”
Por todo iso, desde o BNG entenden que este 18 de febreiro “non hai nada que celebrar” tras un “ano perdido” no que se priorizaron “os intereses do PP” aos de Galicia.
Para poñer fin a esta situación, Pontón remarcou que o seu partido seguirá traballando para convencer cada vez a máis galegos de que da man do BNG se pode “construír un futuro mellor”.
Despois de conseguir “os mellores resultados da nosa historia” nos comicios de 2024, o BNG seguirá “cada día” defendendo os intereses dos galegos para que poidan contar “con máis dereitos, máis igualdade e máis capacidade de decisión”, garantiu Ana Pontón.