Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ana Pontón acode "moi ilusionada" votar e pide "participación masiva"

Ana Pontón acode "moi ilusionada" votar e pide "participación masiva"

A líder nacionalista dixo sentirse "orgullosa" de facer "unha campaña en positivo"

Pasará o resto da xornada coa familia e seguirá o reconto na Nave de Vidán, en Santiago

Ana Pontón votou no Centro Galego de Arte Contemporánea
G24.gal 18/02/2024 11:19 Última actualización 18/02/2024 13:23

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, foi a máis madrugadora nestas eleccións e acudiu "moi ilusionada" votar ás 9:30 horas ao seu colexio electoral, situado no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela.

A líder nacionalista foi depositar a súa papeleta na urna con outros membros do partido, como Néstor Rego ou Goretti Sanmartín. Despois, detívose para atender as preguntas dos medios de comunicación.

"Votei con moita ilusión e con moita esperanza. Sei que hoxe hai miles de galegos e galegas que comparten comigo esa ilusión e esa esperanza e que van ir votar para construír a Galicia que queren, a Galicia que soñan", expresou.

Para Pontón, esta xornada electoral pode supoñer un día histórico, polo que animou á "participación masiva", que é "a mellor garantía de acertar" para construír "un futuro mellor".

"É un día en que a cidadanía é a protagonista e quero animar a todo o mundo a que vote pola Galicia que quere. A que vote pensando en que sanidade pública quere, que educación pública quere, que futuro quere para os seus mozos".

Agradeceu ademais a "todas as persoas que participan no dispositivo electoral", como interventores ou apoderados, e aos profesionais da información.

A líder do BNG asegurou que se atopa tranquila, "moi contenta e esperanzada". Dixo sentirse "orgullosa" de facer "unha campaña en positivo, de ideas", que "ilusionou a moitas persoas e reconciliounas coa política".

Decisión da cidadanía

Sobre a posibilidade de cambio na Xunta, lembrou que é unha decisión da cidadanía, pero "se todas as persoas que queren abrir ese tempo novo votan", ten "a certeza" de que sucederá.

A líder do Bloque pasará o resto da xornada electoral coa súa parella e a súa filla Icía, tal e como lle prometeu este domingo antes de saír da casa. Xa a última hora da tarde, seguirá o escrutinio co resto de integrantes da Executiva Nacional desde a Nave de Vidán, en Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade