Amplíase a prealerta por escaseza de auga á bacía do Tambre e o río Grande
As concas do río Lérez e do Anllóns xa levan varias semanas en prealerta pola seca
Tamén os subsistemas do Baíña e o Zamáns entran en prealerta por escaseza
Salvo os ríos do norte de Lugo, toda a demarcación de Galicia-Costa se mantén nunha situación de seca prolongada
Sen previsión de chuvia, a Xunta advirte da necesidade de reducir o consumo de auga especialmente na cidade de Santiago e en todos os concellos da súa contorna. Unha vintena de municipios abastécense do río Tambre que está en situación de prealerta pola baixada do caudal, igual que o resto dos ríos que desembocan na ría de Muros e Noia.
Coa posta en marcha deste aviso, a administración galega insta os concellos a tomar medidas para reducir o consumo.
Tamén preocupa o descenso "drástico" do caudal do río Grande e dos que desembocan en Camariñas, en Cabana de Bergantiños, en Muxia e en Laxe.
Todas as zonas en prelaerta teñen como característica principal que non dispoñen de grandes encoros de abastecemento e, polo tanto, as traídas deben nutrirse desde os propios ríos ou desde pozos ou mananciais, informa a Xunta.
No resto dos sistemas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa mantense a situación de seca prolongada.
A Administración autonómica constata un empeoramento xeneralizado da situación en todas as bacías de Galicia-Costa, a excepción das do norte da provincia de Lugo, debido á falta de precipitacións e ás altas temperaturas rexistradas durante este período.
Os caudais circulantes rexistrados ata o de agora no mes de agosto seguen estando por debaixo dos valores habituais para esta época do ano, arredor dun 34 % menos, se se ten en conta os caudais rexistrados nos últimos dez anos.
No que se refire á ocupación actual dos encoros de abastecemento da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a 15 de agosto estaba no 75,4 %, o que representa un 15,7 % menos ca a ocupación rexistrada nas mesmas datas de 2021.
A Xunta reitera o chamamento á contención do consumo e á utilización responsable da auga. Desde a Oficina Técnica da Seca insístese na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.
A Xunta reitera tamén o chamamento á poboación e ás empresas para que reduzan o consumo ao máximo posible, para complementar as medidas adoptadas polos concellos no referente aos usos municipais.
Amplíanse ata os 600.000 euros as axudas para que os concellos eviten fugas de auga
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ampliou en 300.000 euros o crédito das axudas aos concellos galegos para identificar e erradicar as fugas de auga nas redes municipais de abastecemento, que finalmente terán un orzamento total de 600.000 euros.
Unha vez finalizado o prazo de solicitude o día 8 de agosto, os 83 solicitantes acabaron o crédito previsto, polo que o Goberno galego decidiu ampliar o investimento para que todas as entidades locais que solicitaron a axuda poidan acceder a ela.
Das 83 solicitudes presentadas, 29 proceden de concellos de menos de 2.000 habitantes, 25 daqueles cunha poboación de ata 5.000, 17 de entidades locais de até 10.000 habitantes, sete de municipios de até 20.000 e cinco concellos de até 50.000 habitantes.
A Xunta lembra nun comunicado que as fugas de auga nas redes municipais alcanzan un 41 % e chegan a superar un 60 % en municipios cunha poboación inferior aos 2.000 habitantes, cando o obxectivo último que marca a lei é que se sitúen por baixo do 20 %.