Ameazas de bomba poñen en alerta de novo aeroportos de toda Europa
É a cuarta vez nunha semana que aeroportos europeos reciben ameazas deste tipo
Como consecuencia, xa está aberta unha investigación para determinar a orixe das incidencias
Varios avisos falsos de bomba puxeron en alerta unha vez máis a varias aeroliñas e aeroportos europeos como Copenhague, Varsovia, Lisboa, Venecia, París ou Praga. O xoves rexistraron case unha trintena de incidentes deste tipo, algúns en España, e similares o luns e o martes.
Pese as ameazas, a policía de Copenhague asegura que "nin existe nin existiu ningún perigo" para os viaxeiros unha vez se despregaron no aeródromo e se fixeron as investigacións respectivas. Por outra banda, o portavoz dos aeroportos polacos, Piotr Rudzki, confirmou a EFE que recibiron ameazas cun voo Tallín-Varsovia.
En Italia, un voo da aeroliña Wizz Air entre Praga e Roma tivo que aterrar de emerxencia no aeroporto de Venecia tras recibir un aviso de bomba. Este desvío provocou un cesamento momentáneo do tráfico aéreo no aeroporto veneciano, mais foi retomado. Tamén con destino a Roma, investígase un voo de Ryanair procedente de Lisboa ameazado por outro aviso de bomba que, como consecuencia, sufriu dúas horas de atraso. O Goberno francés anuncia tamén a detección de catro novas ameazas de bomba en voos sobre o espazo aéreo de Francia.
Como consecuencia, ábrese unha investigación para "determinar a orixe destas ameazas que afectan a toda Europa".
O aeroporto de Praga, o máis afectado
Tras recibir novas ameazas de bomba, a Policía checa inspeccionou nove avións de conexións con orixe ou destino en Praga. Tratábase de catro chegadas e cinco saídas, segundo explicou o portavoz do aeroporto Václav Havel, Denisa Hejtmankova, á axencia checa CTK. Segundo o medio iDNES, unha das aeronaves procedía de España.
Un incidente a parte foi a evacuación de instalacións da radiotelevisión pública irlandesa RTE tras recibir unha ameaza de bomba por enderezo electrónico, que tamén foi enviado a outros medios de comunicación de Irlanda e do Reino Unido, segundo informaron fontes oficiais.