Álvaro Ferllo non considera casual os triunfos nos últimos minutos: "Estamos coma avións"
O porteiro titular do Deportivo entende que hai que mellorar en defensa e que o ascenso non se vai decidir ata a última xornada
Titular desde a súa chegada no mes de xaneiro, Álvaro Ferllo realizou grandes paradas nos últimos tempos que mantiveron o Deportivo metido na pelexa polos partidos. Sen ir máis lonxe, o sábado pasado diante do Zaragoza estragoulle unha ocasión a Dani Gómez que lle permitiu ao equipo manter opcións de triunfo ata o último intre, cando Mulattieri acertou co gol da vitoria.
Ferllo non considera casual que o Deportivo estea gañando tantos partidos nos últimos minutos: diante da Real Sociedade B, do Ceuta ou contra o Zaragoza: "Fisicamente estamos coma avións e temos sempre o convencemento de que imos gañar os partidos", afirmou na sala de prensa de Abegondo.
O porteiro considera que o Deportivo ten que mellorar no aspecto defensivo. Nos sete partidos que xogou nos meses de febreiro e marzo só conseguiu deixar a porta a cero contra o Éibar, un partido no que o equipo sufriu moito e no que as intervencións de Ferllo e os paus xogaron un papel determinante. "Síntome moi importante dentro do grupo, do club e coa afección. Todo está indo mellor do que agardaba", asegurou Ferllo.
Non esconde o xogador coruñés que o obxectivo é o ascenso pero aínda queda moito para decidir as dúas prazas dos equipos que suban directamente: "Cheguei aquí para xogar en Primeira e sigo coa idea fixa de que así vai ser. Estou seguro de que ata a última xornada imos estar con opcións, todos cremos que é posible o ascenso. Temos a calidade e o convencemento", comentou Álvaro Fernández Llorente.