Alfonso Rueda pon en valor "os méritos e o esforzo" nos Premios Fin de Carreira
82 estudantes que remataron as carreiras no último curso acreditando excelencia académica
Os universitarios galegos que completaron os estudos con mellores notas recolleron esta martes os premios fin de carreira nun acto celebrado na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O presidente da Xunta felicitounos por xuntaren o talento e o esforzo na súa carreira académica, e animou as universidades a seguir potenciando a investigación e a conexión co mundo empresarial.
As universidades galegas premiaron 82 estudantes que remataron as carreiras acreditando excelencia académica. 55 recolleron os seus diplomas hoxe de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dos reitores das tres universidades galegas e demais autoridades. O seu voceiro deu as grazas e desexoulles sorte a todos.
O reitor de Vigo falou en nome das universidades para defender o mérito do profesorado e a necesidades urxente de renovalo. "Nós queremos na universidade galega os mellores e os mellores sodes vós, así que todos aqueles que queirades facer o doutoramento que saibades que a universidade galega vai precisar unha renovación nos vindeiros dez anos, unha renovación moi importante porque hai moita xente que se vai xubilar", dixo Manuel Reigosa.
O xefe do Goberno galego di que as sociedades que non reteñen o talento que producen fracasan; talento que non serve de nada sen esforzo, recalcou. "Consolidar aqueles graos e seguir facendo esa conexión, creo que fundamental, entre o ensino e o mercado de traballo, apostar polo I+D, fundamental, se non apostamos por iso teremos as patas moi curtas, e tamén reter o talento que hai en Galicia, que é moito, e atraer o talento que hai noutros lugares e que pode vir completarse nas universidades de Galicia. E todo iso mellorando o mapa de titulacións. Non é un encargo sinxelo pero creo que as universidades galegas están sendo quen de facelo", afirmou Rueda.
O presidente da Xunta subliñou a estabilidade que lles dá ás universidades galegas contar cun plan de financiamento estable. Destaca tamén a aposta pola educación do seu goberno falando da escola infantil de balde e as taxas universitarias que non soben dende hai once anos.