Álex Ortiz: "Non é a primeira vez. Semella que non gusta que esteamos aí"
O técnico do Polvorín pronúnciase sobre o polémico penalti asubiado en Santa Mariña

Farto, canso e decepcionado. Así se amosou o adestrador do filial albivermello tras o acontecido onte no partido que o enfrontou ao Choco de Redondela. Unha pena máxima asubiada en contra foi o detonante.
"Márchasenos o partido ou fan que se nos marche? Xa non é a primeira vez. Todo o mundo, cando saia na TV o verán, sabe que iso non é penalti nunca na vida, co porteiro despexando coa testa. Son moitas, unha tras outra, tras outra, dende que comezamos a temporada. Semella que non gusta que esteamos aí. Tamén creo que os dous goles que nos fan son erros nosos, como equipo. Non sei por que cando hai xogada dubidosa, non só aquí, sempre se mira para o outro lado, e ao final, rematas canso. Mañá volveremos ao traballo para seguir a senda do traballo".
Ademais da polémica foi un partido trabado polas constantes paradas. Ata dous moi longos tivo que sufrir o partido tras mancarse o árbitro principal e ter que ser substituído.
"Levo 17 anos adestrándome mais os que xoguei, e nunca me pasara isto. A mala sorte é do árbitro, que se manca e tenta seguir e non pode. Pregúntannos se temos problema con que pite un árbitro de Vigo e nós dicimos, obviamente, que non. Cremos nas persoas".